El tiempo es una imagen móvil de la eternidad

martes, 28 de junio de 2011

Con liñas torcidas

Querida Lela (4):
     Cando unha tarda tanto tempo en darse conta que a súa vida non era como imaxinaba, que todo foi froito das decisións que tomaron outros por ti coa fin de contentar a quen querías porque che ensinaron que así debía de ser, que o respecto comeza polos maiores, que o amor se forxa cos anos, que os fillos dan a felicidade e que a vida é o que é, tomar decisións que estiveron aprazadas por demasiado tempo pode ser unha tarefa dificilmente salvable e que precisa de moito valor para levala a cabo. Porque unha cousa é sabelo e outra ben distinta facelo.

     Débeslle algo a alguén? Sinceramente creo que non. Décheslle toda vida que coñeciches ata o momento ás persoas que tiñan que quererte. Creo que é un prezo maís que suficiente, pero saber que ningunha delas está agora para recollerte e levarte a onde poidas descansar dos teus malos pensamentos é algo co que non contabas, e é que nunca debiches esquecer que Deus escribe dereito pero con liñas torcidas.

     O que precisas neste momento nada ten que ver coa morte dos teus pais, co abandono do teu marido ou coa independencia dos teus fillos. Vai ser unha busca lenta e individual, onde estarás ti contigo mesma para responder ás preguntas, para lograr recuperar a tranquilidade e para poñerte a ben coa vida. Eres fermosa aínda que penses que o paso dos anos fai só as mozas novas merecedoras desa palabras, irradias unha bondade que non atopei en ningures, agás ao teu lado; e mereces unha oportunidade, ou mellor aínda gañaches o dereito a outra oportunidade que está a agardar por ti para cando esteas preparada, que non será nin antes nin despois que sintas que podes facelo.

     Agora descansa, miña Lela fermosa,  neste paréntese do que voltarás reconvertida na muller que sempre quixeches ser, sen máis normas que as túas e sen máis límites que os que ti esteas disposta  a crer, todo o demais será liberdade e estará aí para ti. 

     Unha aperta grande desde Babia, onde sempre fuches a estrela que máis brilla.
  

2 comentarios:

  1. Os renglóns torcidos de Deus son mois torcidos...

    ResponderEliminar
  2. As veces son curvas que debuxan outros mundos, só hai que aprender a ler esas liñas torcidas, é outra forma de ver o mundo.

    ResponderEliminar