Parece curioso como paso do tempo e a chegada das novas tecnoloxías nos volve máis indecisos ca nunca. O ser humano que antes de humano é animal perdeu polo camiño a este século XXI os seus instintos máis primarios por unha racionalidade no comportamento totalmente artificial, pero ordenada. Produciuse un choque nas sociedades máis avanzadas que lles fixo a moitos perder o equilibrio, e mentres cumprían co papel da reproducción que a súa natureza lles pedía desde dentro, sumaban aos sentimentos paternais outros como a inseguridade, o medo, ou a deseperación nalgúns casos... e todo porque se deron de conta de que os fillos de hoxe en día non veñen con manual de instruccións.
Pero para solucionalo creáronse as escolas de pais. As universidades de pais. Porque como di o eslogan que vende a idea: os fillos nacen e os pais fanse. Por iso hai que ir á escola para saber ser pais, para entender aos fillos e conseguir manter conversas con eles ou solucionarlle os problemas que conleva o desenvolvemento como persoa. Necesítase unha guía para aprender a poñerte do lado do teu fillo, ser capaz de marcar unhas normas convivencia e poñer uns límites aos seus desexos ou ideas case sempre desorbitados. O que antes se facía por instinto, agora aparece recollido en manuais para pais.
Certo que a sociedade é cada vez máis complexa e que os pequenos deixan de ser nenos cada vez máis cedo, pero seguen a necesitar cariño, comprensión, unha aperta, un bico, unhas historias fantásticas, uns amigos visibles e invisibles e sobretodo uns pais. Nin un sarxento por pai nin unha mártir por nai, nin tampouco un par de colegas que non conviden aos primeiros porros ou que non colen na discoteca. Nin un modelo nin outro funcionaron, por iso é positivo que os pais se informen para ser os mellores para os seus fillos, pero de aí a ter que asistir a cursos e tomar apuntamentos sobre o que facer se o noso fillo non fai os deberes ou insulta aos avós cada vez que os ve paréceme un paso demasiado perigoso para o futuro do referente básico chamado familia.
Quizais os que defenden a idea de baseen na dificultade de poder seguir o ritmo tan alto de esixencias que é ter un fillo, pero tamén deberían de plantexarse se o que sucede é que non coñecen ao seu fillo, non pasan con el o tempo necesario para crear unha relación de confianza, non falan directamente ao cousas para que así o faga tamén o pequeno, non mostran os sentimentos que levan dentro, senón que a primeira opción que se toma diante do pequeno é o disimulo, non se ten unha escala de valores sans para o neno, non se lle evita ter que ser espectador das barbaridades que chegan ao fogar a través da televisión ou do ordenador.
Quizais a escola para pais sexa unha boa idea nesta sociedade, pero é un sinal que nos deixa claro que non temos tempo, nin forzas moitas veces, para atender aos fillos. Chegaron coa maior ilusión do mundo, e por eles daríamos a vida, pero esta sociedade só acepta seres egoístas que adoren a individutalidade como a máxima expresión do ser humano Eles sábeno e só están actuando en consecuencia...