El tiempo es una imagen móvil de la eternidad

viernes, 3 de junio de 2011

Nada menos que nós mesmos

Querida Lela (3):
      Pasei moito tempo a pensar na túa última carta na que se podía ver que ti mesma te asustaches do mal que estás,  non sabes como pasou, cando foi o momento no que perdeches de vista a porta de saída para poder abandonar esta situacion que te afoga. Non é un mal estraño o que che pasa, senón bastante común nas sociedades avanzadas coma a nosa.  Vendéronos que contabamos con todo ao noso alcance para ser felices, e que esa felicidade se medía polos sorrisos que mostrabamos aínda que por dentro estiveramos a chorar desconsoladamente. Ninguén ten que notar que estás mal, esa era a premisa que nos marcaron e a que nós aceptamos seguir e, de súpeto só había sorrisos forzados, abrazos falsos e bicos que deixaron de ser bicos para converterse nun movemento ridículo de rozamento entre dúas meixelas asépticas... había que ser correctos, educados, simpáticos e buscar sempre caerlles ben aos demais.

     Era un conto sen final feliz, pero iso non o dixeron nunca.  Nós somos algo máis que un acto protocolario, non podemos nin debemos estar sempre de acordo con todo, non é natural caerlles ben a toda o mundo co que nos cruzamos no noso día a día, como tampouco non é natural non ter un día malo, non protestar, rir cando algo non ten graza ou querer coñecer a determinada xente que xa sabemos de antemán que non nos vai aportar nada.

     Para a nosa mente nada pasa en balde, e coidala significa protexela de todas estas maneiras corrosivas que se adentraron en nós. Hai que buscar como botalas fóra e ser sinceros e coherentes con nós mesmos .É o único importante. Para que queres estar rodeada de xente que non te coñece en realidade? Para que quererías escoitar a opinión de alguén que di o que non pensa en realidade?  Nada vale a pena se o sustento parte de esixencias que nos destrúen e nos levan a perda de sentido do que en realidade vale a pena. A vida é fermosa, hai persoas marabillosas que nos poden facer rozar o ceo só cunha mirada,  hai situacións que te poden facer chorar de risa e bicos que resucitarían a un morto. Por que tería ninguén que renegar de todo isto só polo que dirán?

     Busca esa porta que te devolva a luz, onde te espero cos brazos abertos para darche unha aperta chea de ilusións. Esa porta existe e está aí, a túa disposición para cando decidas poñerlle fin a este teatro que te está a matar aos poucos, e está máis preto do que imaxinas. 

     Un bico enorme desde Babia, onde non somos nada menos que nós mesmos.

2 comentarios:

  1. Cando non localizamos a porta de saída hai que tratar de buscar a ventá... Seguro que Lela recupera o seu estado orixinal

    ResponderEliminar
  2. Sempre sopra o vento que nos leva na dirección onde está unha nova maneira de facer as cousas, e como ben dis... senón é unha porta pode ser unha ventá, pero hai que deixar que entre.

    ResponderEliminar