El tiempo es una imagen móvil de la eternidad

jueves, 28 de julio de 2011

O noso gran día

Querida Lela (5):
     Penso que chegamos a un punto da vida no que queixarse xa non aporta nada, ninguén vai vir a solucionarnos nin un só dos nosos problemas. Somos nós as que temos que movernos. Parece que estiveramos programadas para quedarnos só co malo e laiarnos da mala sorte que temos sen facer outra cousa.  Hoxe non vou seguir con esta dinámica e vou conseguir que ti fagas o mesmo. 

     Quizais teñamos xa máis pasado ca futuro, e esteamos máis soas do que nunca pensamos, pero non por iso imos quedar paradas a espera de que a señora de negro nos veña buscar. Temos moito que facer, moito que aprender e moito que disfrutar. Tiveches o teu momento de reflexión pero o tempo pasa e non recibo resposta pola túa parte, só laios que nin me axudan a min nin che axudan a ti. Esta carta é o punto e final dunha etapa que levou por diante moitas das nosas ilusións, pero vai dar comezo a outra na que estaremos as dúas fronte ao mundo. Temos todo o necesario para que nos vaia ben. Só faltaba decidirse e eu xa o fixen polas dúas. Hoxe é día 28 de xullo, pois o 1 de agosto marchamos, imos comezar unha nova fase.

     Prepara todo para cambiar de escenario, recolle o imprescindible como se foras a facer unha viaxe e pon o demais en caixas para unha mudanza. O mellor para comezar unha nova vida é ter novas vistas, con novos veciños que non nos coñezan, con novas historias e novas oportunidades.  Xa non será o domingo o único día da semana no que agardar unha visita, poderá ser calquera ou seremos nós as que fagamos as visitas, non haberá máis normas que as que nós poñamos e xa non volveremos estar soas. Non quero adiantar moito máis para que todo sexa unha sorpresa, pero xa me tarde en chegar o día 1 de agosto. O noso gran día. Hai moito que facer e non quero deixar nada sen facer. Fermosa Lela, prepárate para ser feliz...

     Unha aperta inmensa desde Babia, onde os soños se poden facer realidade.

1 comentario:

  1. O primeiro día de cada mes sempre é unha boa data para emprender novos retos... E este só pode ir ben, que o sei eu...

    ResponderEliminar