El tiempo es una imagen móvil de la eternidad

sábado, 16 de julio de 2011

Volve pronto

Querido Aldalao (5):
     Realmente serve para algo todo o que estamos a facer? Perdo a fe a cada paso que sempre resulta ser falso e a ilusión de avanzar perde a batalla fronte á realidade que di que seguimos algúns no mesmo sitio, un pouco máis feo, un pouco máis triste, mentres outros perden posicións en favor da nada.

     Non atopo motivos para o que está a pasar, pero os que están á fronte do batallón parecen estar na miña mesma situación. Presentan proxectos e informes que mostran todo o contrario, queren convencernos para non botar pola borda os últimos esforzos cos que contamos, pero a túa voz, o teus pensamento, o teu querer non aparece por ningures nos seus papeis. Son seres opacos que se preocupan máis por conservar o seu sillón que polo futuro de todos nós,  reunénse para ter unha foto nova que colgar nas súas paredes que funcionan como expositor para as visitas protocolarias, pero non falan, xa non teñen nada novo que dicir e permanecen calados emitindo ese malditos informes, mostrando estadísticas que xustifiquen a súa existencia, pero que pasa con nós?

     Ao lado desta xente convertémonos en testemuñas xordas e mudas, en resumo, inútiles. Esperando por eles pasounos o momento, a ausencia de acción volveunos invisibles. Non te escoitamos, nin sequera nos estoitamos a nós mesmos, porque aínda que movemos os beizos para dicir o que nos pasa pola cabeza, xa non temos voz; eles eran a nosa voz, delegamos neles porque eran o futuro e tiñan ideas, pero non fixeron nada... e nesa mesma nada perdémonos nós.

     Estamos a tempo de facer unha cura para recuperar a voz? Poderemos recuperar o oído e que a realidade se pareza algo máis ao que un día soñamos? Non quero ser demasiado pesimista, pero o futuro próximo está pintado dunha cor demasiado escura para todas as ilusións coas que contabamos. Aldalao, precisamos a túa volta antes de perdelo todo. Coa túa forza todo é aínda posible. Volve pronto. Unha aperta forte desde Babia, onde seguimos en pé de guerra.

No hay comentarios:

Publicar un comentario