El tiempo es una imagen móvil de la eternidad

viernes, 17 de febrero de 2012

Algo de luz

Querido Sago:

     Estamos a vivir unha época única na que sobrevivir parece ser a única norma válida para os que ao nacer non tivemos a sorte de facelo nunha familia acomodada, e a nosa chegada ao mundo foi sempre un sacrificio, nos primeiros momentos por parte dos que nos rodeaban, para pasar a ser un sacrificio propio durante o resto da nosa vida. Sacrificios tan diferentes como pode ser o endebedamento do tempo que nos gustaría dedicarlle aos que máis queremos, en favor de lograr traer a final de mes un salario que nos permita subsistir; ou endebedamento dos soños de ser " un algo máis", pero que a forza de derrotas, sabes que non vas poder máis que rozar a través dos relatos doutros, das vidas dos que si naceron na casta privilexiada.

     Todo se volveu demasiado complicado, tanto... que incluso explicalo é unha tarefa inútil que só nos  levaría a ser conscientes de que no fondo, nin nós mesmos entendemos como puidemos chegar a este punto de incoherencias aplastantes e necesidades insatisfeitas. Convertéronos en especuladores sen sabelo, fóbicos sen buscalo, individualistas sen pretendelo e dependentes das ideas que nos inculquen outros para poder comentar por aí que aínda mantemos a capacidade para pensar, sen ter o valor de dicir que o que facemos en realidade non é pensar, senón darlle voltas ás mesmas cousas para chegar ás mesmas conclusións e decidir que non podemos facer nada para cambiar o mundo, e que o mellor é que pase o que teña que pasar.

     Conformismo, apatía, desgana, abulia, somentemento... Parece que nos gañaron a batalla conseguindo dividirnos, pero algo está a cambiar. Hai ollos que buscan pequenos ocos por onde se filtre algo de luz, e non perde o tempo descubrindo outras persoas que actúan do mesmo xeito; e fronte a ausencia de referentes modernos buscan naqueles que en épocas pasadas conseguiron cambiar o que parecía un imposible, e ao igual ca eles, tamén aquelas persoas comezaron sen apenas nada, e todo cunha base que parece sinxela aínda que garda baixo a súa apariencia un poder imparable, é a desobediencia civil, e os nosos referentes son nada máis e nada menos que Tolstoi, Gandhi ou Martin Luther King. Non sei se este é o camiño, pero é o que ofrece máis luz e maiores recompensas.

    Seguirei informándote dos avances que se produzan. Unha aperta grande desde Babia, onde queremos facer ben as cousas.

2 comentarios:

  1. Sempre hai luz na negrura do túnel... un túnel escuro e pode que angosto, eso no que a vida de moitos se convertiu... pero hai luz polo tanto hai esperanza!

    ResponderEliminar
  2. Como di unha frase que a min me gusta moito: Mientras haya vida, estarás vivo!

    ResponderEliminar