El tiempo es una imagen móvil de la eternidad

sábado, 26 de marzo de 2011

Se non o entendes, non o xulgues

Querida Lela,
     Non podes dicir que fracasaches só porque a túa filla non se pareza a ti nin herdara os teus gustos nin a túa forma de ir polo mundo. Ten a súa propia visiòn das cousas, vive nunha época distinta á túa e tivo as súas propias experiencias. Todo iso nada ten que ver contigo nin co que fixeras por ela, non esquezas cando só era un proxecto na túa vida e non pedías máis que fora unha persoa normal, cos seus seus dez dedos, xa non te acordas? Como cambiaron as cousas! Ao pouco xa querías que fora a máis lista da súa clase, a mellor  en ximnasia e que, por suposto, fora simpática e agradable. Cando foi pequena quizais puideches intentar moldeala segundo as túas expectativas, pero cando unha persoa ten fillos ten que ser consciente de que está a ser testemuña, desde o momento que nacen, dun proceso de transformación nun ser humano adulto e independente. Nada do que fagas por impedilo lle vai axudar para o seu desenvolvemento natural e no proceso de crecemento está a aparición do seu espíritu crítico e a necesidade de vivir segundo as normas que vaia tomando como propias, moitas delas a levarán a tomar decisións que ti non entendes, pero non por iso podes concluir que se está a equivocar ou que se vai arrepentir por facelo. Non funcionan así as cousas, Lela.

     Se non entendes algo, non o xulgues. Poida que se trate da túa filla, pero non deixa de ser unha muller do século XXI con capacidade para tomar as súas propias decisións. Non estar ao seu lado só fará que cando precise apoio e comprensión non sexa a ti a quen acuda, e cada día se sinta máis estraña ao teu lado e decida que xa non vale a pena contarche as cousas se só atopa recriminacións e ataques directos á súa persoa e a súa forma de vivir.


     As normas da túa vida só serven para ti, miña amiga, e para demostrar que queres realmente a túa filla como proclamaches sempre tes que querela sen condicións, sen prexuizos, aceptándoa que é así e non vai cambiar por ti e, no caso de que estivera disposta a facelo, se realmente é amor o que sintes por ela,  non llo deberías consentir. Querer a alguén deste xeito non é sinxelo, pero é a túa filla e non fixo máis que vivir a vida da maneira que a fai feliz. Que non coinciden os seus plans cos que tiñas pensados para ela? Bueno, seguramente túa nai podería dicir o mesmo de ti e nunca te deixou de querer por iso. Non deberías permitir que os teus prexuizos falen por ti porque se finalmente ela se vaia sentirás que a parte máis fermosa da túa vida desaparece con ela e desexarás que todo volva atrás, e esa posibilidade aínda non hai ninguén que a fixera viable e sábelo, por iso antes de facer ou dicir nada ten presente canto a queres e que pouco custa facer dano. Pensa en todo isto e non deixes de manterme ao corrente. A miña aperta máis sincera desde Babia, onde sabes que sempre terás un sitio para cando necesites descansar.

2 comentarios:

  1. É a postura máis comoda, xulgar sen entender. Como digo sempre, falar é gratis. Se por cada xuizo que emitimos gratuitamente nos cobrasen, andaríamos todos moi caladiños.
    Un bico grande dende o meu recinto zoocial.

    ResponderEliminar
  2. E un vicio moi grande e moi estendido. Por iso hai que medir as palabras segundo o tema que se trate, non sempre é a mellor opción dicir o que se nos pasa pola cabeza, as veces o silencio é a mellor resposta.

    Un bico grande, zoocióloga!

    ResponderEliminar