El tiempo es una imagen móvil de la eternidad

jueves, 7 de abril de 2011

O futuro volve estar noutra parte

Querido Aldalao (2):

     Sigo sen saber se a túa marcha fóra deste país serviu para algo. Desde que non se escoita a túa voz os conceptos non fan máis que misturarse uns con outros, son pisoteados constantemente polos demagogos que nos dirixen ata darlles o significado que a eles mellor lles convén. Parece como se a linguaxe tivera funcións para as que non foi creada. Cada día vense máis exemplos de discursos cheos de frases pervertidas que se fan desde a estética e non desde a dialéctica, como a ti tanto che gustaba. Non buscan a participación do pobo, senón a súa idolatría. Xa non importan os feitos senón os eslógans publicitarios.

     Non se fartan de dicir todo o que poden facer, pero eu só vexo o que non fan. Síntome enganada cando aparecen gráficos do crecemento económico global, do IPC, do déficil público, do gasto público e din que se está a mellorar, e esperan que o creamos e aceptemos os datos sen opinar. Esquecen que para saber que  minten só se hai que saír a rúa e dar unha volta polo barrio para comprobar que o crecemento non está por ningures, senón que cada día son máis os negocios que teñen que botar o peche; o IPC materialízase cando hai que ir facer a compra cada día e comprobamos que co paso de tempo mercamos menos cousas cos mesmos cartos; o gasto público apreciámolo cos recortes nas prestacións públicas , as subvencións e axudas públicas cada vez máis escasas e que dentro de pouco non pasarán de ser un recordo do pasado; e sobretodo e antetodo o paro, a falta de traballo e a incapacidade do sistema para crear novos postos de traballo. A nós non nos fan falta estadísticas ou gráficos para saber cal é a realidade do noso país.

     E mentres vólvese impoñer a obriga de ter que marchar como ti fixeches fai tantos anos. Parece incrible que despois de tanto como loitaches para conseguir o que lle deu prosperidade a este país se viñera todo abaixo tan rapidamente e o futuro volva estar noutra parte, sempre fóra de aquí, sempre lonxe de aquí; separando as familias, as comunidades, o sentimento de país... Sen crer moito nas nacións creo na identidade dos pobos e sinto tristura ao comprobar que outra vez estamos espallados polo mundo, outra vez sen data de regreso, outro atranco para lograr que vexa a luz o proxecto que ideaches para todos nós.

     Quizais no fondo o destino exista e este sexa o que nos marca o camiño a seguir, ou quizais esteamos a deixar o país en mans de xente que non está preparada e non fai máis que cometer os mesmos erros unha e outra vez. Dime que é o que está a ocorrer e se se pode facer algo para deter esta perda tan grande, espero a túa resposta, ti que sempre soubeches tanto... 

     Un bico enorme desde Babia. Volve pronto, necesitámoste.

2 comentarios:

  1. Decía unha profe que tiven que o transcurso da historia é como un péndulo onde un extremo están as épcoas "doradas" (por decilo así) e noutro as "escuras"... O símil está ben, pero se tradicionalmente entre un extremo e outro pasaba unha serie de tempo, neste século da tecnoloxía parece que todo vai máis deprisa e en cuestión de 30 anos saimos do escuro para volver enseguida

    ResponderEliminar
  2. Neste século todo pasa demasiado rapidamente, incluso para os que ansian que os cambios se anticipen. Non nos damos conta que todo ten o seu ritmo e que se se rompe imos á deriva.

    Ah! e a túa profe ten razón, a historia é un péndulo... mentres se mantén o ritmo.

    ResponderEliminar