El tiempo es una imagen móvil de la eternidad

sábado, 23 de abril de 2011

O sorriso de teu corazón

Querida Lela (2):

     Chorar porque as cousas non saen como nós esperamos non é unha solución. É unha forma de liberar o sentimento que nos afoga, consegue que nos sintamos mellor por un momento, é normal e humano, e cando se está triste ata é recomenble facelo, pero non é unha solución. Deberías tratar de saber que é o que te fai sentir así. En vez de buscar culpabilidades nos demais por que non te paras a ver que puideches facer ti, cal foi a decisión que conlevou todas as demais e que rematou por arrastrarte ata o sitio no que te atopas agora, onde pensas que todos che deron as costas, ninguén te entende e que, por suposto, ti non fixeches nada para merecer semellante final.

     Nin é un final, nin estás soa nin ninguén che deu as costas. As persoas actúan segundo patróns de comportamento que as veces son difíciles de comprender. Ti seguiches unhas regras que funcionaron mentres todo o que te rodeaba se mantivo estático, pero que se mostraron inservibles cando a vida se abriu paso e lle deu a volta ao mundo coñecido para traer aire fresco que o levou todo por diante, incluidas as túas regras. Por que non cambiaches?  Inexplicablemente aferrácheste a un mundo que xa non existía e pereceu a muller que eras, pero hai moitas máis mulleres en ti e algunhas delas están a pedir paso, de aí as túas dúbidas. Xa non todo é branco ou negro, comezas a ver grises en distintas tonalidades que fan que te sintas estraña contigo mesma.Non te asustes por iso. As dúbidas traerán preguntas que só ti poderás contestar e nas respostas atoparás toda unha nova gama de cores que lle darán luz a túa vida e verás unha saída que te levará a reecontrarte no espello cunha nova muller que será unha nova versión de ti mesma. E todo recobrará o seu  sentido.

     Ninguén dixo que vivir fora a ser fácil, nacemos no medio da dor, facémonos grandes a través de distintas fases de dor: amar doe, deixar de amar tamén, como doe ter fillos ou ver como se marchan cando xa non nos necesitan... pero non é unha dor absoluta, é unha dor misturada con moitos outros sentimentos, todos irreprimibles que fan que sexamos o que somos; porque a vida aínda que non a cheguemos a entender é o que é e no fondo só se trata de vivila  e ser felices mentres dure.

     Non deixes que as nubes da túa cabeza empañen o sorriso de teu corazón, eres forte para superar este cambio e todos os que veñan. Non te esquezas que aquí en Babia terás sempre un fogar ao que volver. Un bico enorme, Lela.

No hay comentarios:

Publicar un comentario