El tiempo es una imagen móvil de la eternidad

viernes, 14 de octubre de 2011

Sen sufrir pola túa indiferencia

Querido Aldalao (8):
     Como se pode defender desde a barreira o que precisa dunha defensa cara a cara? Animan desde diferentes partes do mundo, en diferentes linguas e cada un aporta o seu punto de vista, pero a loita verdadeira vívese aquí. Somos nós e soamente nós os que temos a capacidade de pararlle os pés a esta desfeita. Hai que berralo alto e claro para que todos se dean por aludidos, que sexa unha soa voz a que se escoite, sen que esta vez a esperada solución veña de fóra.

     Somos un grupo que non se recoñece como grupo, temos unha identidade que descoñecemos, unha lingua que non falamos, un territorio que ignoramos, unha riqueza que non aproveitamos... Que é o que realmente queremos facer? Parecemos ás veces seres totalmente perdidos que buscan noutros horizontes todo o que xa lles ofrece este, pero que sen embargo, e sen saber ben por que, non o ven. Permanecemos cegos a fermosura, estáticos fronte a todas as posibilidades que ten este terra e inconscientes repetimos o que outros descoñecedores da nosa realidade, que é nosa e de ninguén máis, nos inculcaron desde nenos que aquí non hai futuro, que aquí non se pode estudar  nin traballar, que a única maneira de progresar é marchar lonxe e facer o que antes fixeron outros, aínda que se demostrara sobradamente a inutilidade deses plantexamentos.

     Para non ser pesimista remato esta carta achegándoche un poema do sempre fantástico Lois Pereiro. 


"Tristemente convivo coa túa ausencia
sobrevivo á distancia que nos nega
mentres bordeo a fronteira entre dous mundos
sen decidir cal deles pode darme
a calma que me esixo para amarte
sen sufrir pola túa indiferencia
á miña retirada preventiva
dunha batalla que xa sei perdida
resolto a non entrar xamais en ti
pero non a tortura de evitarte"


     Unha aperta grande desde Babia, onde non nos convencerán tan facilmente...

No hay comentarios:

Publicar un comentario